O Goberno galego mobiliza 6 millóns en axudas para a dixitalización do sector hostaleiro

luns, 27 de setembro do 2021 S. P.

O Goberno galego vai destinar 6 millóns de euros á dixitalización do sector da hostelería, poñendo o foco no ámbito da mercadotecnia en liña. O obxectivo destas axudas, que abriron o prazo para a súa solicitude este 25 de setembro, é “contribuír á recuperación do sector turístico trala COVID-19 mellorando a súa actividade económica e a súa competitividade mediante a transformación tecnolóxica”.
Poderán ser obxecto das axudas os gastos derivados da instalación de novo software de xestión hoteleira para organizar e programar tódalas áreas de forma eficiente (Property Management System-PMS) e para coñecer as demandas dos clientes (Customer Relationship Management-CRM). Ademais, financiaranse produtos e servizos de mercadotecnia orientados a manter clientes e a captar ouros novos
- estudos de mercado, de satisfacción de clientes, xestión de redes sociais, campañas publicitarias, reportaxes fotográficas e de vídeo....- e accións relacionadas coa páxina web corporativa con motor de reservas.
Entre as actuacións subvencionábeis inclúese tamén a adquisición de equipamento tecnolóxico básico e específico ou que sirva de apoio ao control da pandemia, así como os gastos derivados dos sistemas de control de teletraballo. O importe da subvención será do 100% cun importe máximo de 15.000 euros por beneficiario.
As axudas van dirixidas a persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, microempresas e pemes do sector da hostalería que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e se atopen inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT). A convocatoria abrangue hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta de Galicia ata o vindeiro 25 de outubro

PUBLICIDADE