O Goberno xa aboou a Galicia 45,6 millóns en bonos de dixitalización para as pequenas empresas

luns, 3 de outubro do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo balance da actividade e o impacto xerados na nosa terra polo Kit Dixital do Plan de Recuperación do Goberno. Segundo informou, máis de 3.800 pequenas empresas galegas recibiron xa o seu bono de 12.000 euros para dixitalizar os seus negocios ao abeiro do dito programa. “Estes datos”, dixo, “supoñen unha inxección económica de 45,6 millóns de euros do Goberno en Galicia que xa está a transformar o noso tecido produtivo para facelo máis avanzado e competitivo”. Os últimos datos de Red.es recollen que o 61% das pequenas e medianas empresas galegas de entre 10 e 49 empregados obtiveron o seu bono de dixitalización
José Miñones salientou o “enorme acerto que supuxo este programa, tanto no seu obxectivo final, a dixitalización das nosas empresas e autónomos, como no deseño do mesmo”.
Por provincias, o Goberno facilitou un bono de dixitalización de 12.000 euros a 1.615 empresas da Coruña (o 61% do total das empresas de 10 a 49 traballadores), 1.418 empresas de Pontevedra (58%), 414 en Ourense (66%) e 403 en Lugo (57%). Todas elas, de entre 10 e 49 empregados.
Miñones lembrou que debido “á boa acollida da iniciativa”, a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital decidiu ampliar seis meses máis o prazo de solicitude para esas empresas (segmento I), que poden solicitar o bono de 12.000 euros ata o próximo 15 de marzo de 2023.
Ademais, o prazo para as pemes do segmento II (de 3 a 9 empregados) está aberto desde o pasado 15 de setembro durante doce meses. Estas empresas teñen acceso a un bono de dixitalización de 6.000 euros.
O programa Kit Dixital completarase cunha terceira convocatoria para negocios de menos de tres empregados e autónomos (segmento III), que poderán solicitar un bono de 2.000 euros.
O bono de dixitalización permite aos beneficiarios adquirir solucións de dixitalización para mellorar cadanseus negocios en áreas clave como: sitio web e presenza en Internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; xestión de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras e ciberseguridade.

PUBLICIDADE