O HTC Desire 22 Pro preséntase como o compañeiro ideal das lentes VIVE Flow

martes, 28 de xuño do 2022 Marcus Fernández

A marca HTC foi un dos grandes referentes no mercado dos smartphones que non soubo adaptarse aos cambios, de xeito que, mentres o seu negocio de realidade virtual collía forza, a súa liña de teléfonos esmorecía ate o punto de carecer de presenza comercial en España, de aí que sorprenda que estean a lanzar o HTC Desire 22 Pro, un móbil orientado a usuarios de sistemas de realidade virtual e mixta, que está previsto que poida adquirirse en Reino Unido a partir do 1 de agosto a un prezo de 399 libras (462 euros).
O argumento de que o HTC Desire 22 Pro é un compañeiro ideal das lentes VIVE Flow, este produto inmersivo comercialízase con móbiles doutras marcas, de aí que sexa unha característica con pouco peso (xa que a listaxe de móbiles compatibles con VIVE Flow é moi ampla), o que fai que esteamos ante un smartphone que realmente resulta pouco competitivo.
O HTC Desire 22 Pro conta cunha pantalla de 6,6 polgadas Full HD+ cunha velocidade de refresco de 120 Hz, procesador Qualcomm Snapdragon 695 5G, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, protección IP67 e batería de 4.520 mAh (con carga rápida, carga sen fíos e carga inversa), características que, se obviamos a carga sen fíos, serían moi semellantes ás dos Realme 9 Pro 5G que ten un prezo oficial de 349,99 euros (e pode atoparse en Amazon por 294,99 euros) de aí que o novo teléfono de HTC parece un produto fóra de mercado.

Vídeo promocional do HTC Desire 22 Pro

PUBLICIDADE