O HTC Flyer xa pode mercarse en España

venres, 13 de maio do 2011 Marcus Fernández

Hoxe chega oficialmente a Europa (concretamente a Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña, Grecia, Portugal, Dinamarca, Noruega, Suecia, República Checa, Hungría, Polonia, Romanía e España) o HTC Flyer, un tablet co sistema operativo Android 2.3 (o que o sitúa por detrás dos trebellos que están a chegar ao mercado con Android 3.x) , pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, cámaras de 5 e 1,3 Mpíxeles, GPS, compás dixital e un peso de só 420 gramos, que poderá adquirirse por 499,99 euros nunha versión con Wi-Fi e 16 Gb de almacenamento interno, mentres que a súa versión con 32 Gb de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb) e conectividade 3G incrementa o seu prezo a 649,99 euros.
Este dispositivo destaca por contar coa interface HTC Sense adaptada a tablets e por integrar as tecnoloxías HTC Watch (que abre o acceso a un servizo de películas e series de televisión mediante streaming de HTC) e HTC Scribe (que facilita a toma de notas dun xeito natural, con escritura manual e gravación de audio simultánea, para poder comprobar se realizamos correctamente unha transcrición).
A páxina web de HTC xa permite pedir agora mesmo a versión do HTC Flyer con 32 Gb de almacenamento e 3G por 649,99 euros, mentres que o modelo máis básico só está dispoñible como reserva.

PUBLICIDADE