O HTC One X9 confirma a confianza de HTC nos procesadores Helio X10

xoves, 24 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Tras numerosas filtracións, por fin é oficial o HTC One X9, smartphone que xa figura na páxina chinesa do seu fabricante, e que volve apostar por un procesador MediaTek Helio X10 de 64 bits e 8 núcleos a 2,2 GHz (que está a consolidarse como a alternativa low cost dos procesador de Qualcomm) cun procesador gráfico PowerVR G6200.
Este novo smarphone vén con 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámara traseira de 13 Mpíxeles (con estabilización óptica, flash dual LED e gravación 4K), cámara frontal de 5 Mpíxeles, LTE, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1 e dobre nanoSIM, que ten un grosor de 7,99 milímetros e un peso de 173 gramos.
Como curiosa novidade, os catro altofalantes do terminal non están colocados na súa parte frontal, senón no bisel, reducindo así o espazo que ocupan, de xeito que conseguen que o dispositivo teña unhas dimensións máis compactas.
Polo momento está confirmada a súa comercialización en China a 2.399 iuans (338 euros), pero é de agardar que tamén o poidamos ver en Europa a primeiros do ano que vén.

O desprazamento aos biseis dos catro altofalantes do HTC One X9 é unha interesante mellora do terminal para facelo máis compacto.

PUBLICIDADE