O HTC One max destaca pola súa grande pantalla e por integrar lector de pegadas

luns, 14 de outubro do 2013 Marcus Fernández

HTC ten no seu HTC One o seu móbil insignia, que conta dende hai tempo cunha versión mini, e que agora completa a súa familia cunha versión de grande tamaño, que atrévese cunha pantalla de 5,9 polgadas que achegaría moito o smartphone ao tamaño dun tablet, aínda que mantendo as atractivas liñas de deseño do HTC One.
O HTC One max non só destaca pola súa pantalla Full HD de 5,9 polgadas, senón que tamén vén cunha configuración bastante potente: un procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, a consabida cámara ultrapíxel de HTC (con flash intelixente e gravación de vídeo Full HD con HDR) acompañada por unha boa cámara frontal de 2,1 Mpíxeles e gravación de vídeo a 1.080p, Bluetooth 4.0, Wi-Fi AC e unha xenerosa batería de 3.300 mAh. O seu grande tamaño non se nota no seu grosor (que queda nuns moderados 10,29 milímetros) pero si no seu peso (217 gramos), polo que estamos ante un smartphone dirixido a un público moi concreto.
Entre os elementos diferenciadores deste tabletófono estaría o son HTC BoomSound (que con 2 altofalantes frontais consegue unha reprodución sonora de grande calidade); a súa parte traseira incorpora un lector de pegadas dixitais para facilitar o desbloqueo do terminal e o lanzamento das aplicacións que desexemos con só deslizar un dedo; e co software HTC BlinkFeed achéganse novas das redes sociais e outras fontes.
Este grande terminal iniciará a súa distribución internacional dende mediados ou finais do presente mes, de xeito que chegará con tempo suficiente a practicamente todo o mundo de cara á campaña de Nadal.


Vídeo de presentación do HTC One max

PUBLICIDADE