O HTC Rezound aposta pola calidade de audio e vídeo como factor diferenciador

venres, 4 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Nos EE.UU. presentouse o novo terminal móbil HTC Rezound, un impresionante terminal que integra Beats Audio para ofrecer unha excelente calidade sonora, o que xunto coa súa pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles convértese nun auténtico monstro multimedia que chegará ao mercado norteamericano o vindeiro día 14, descoñecéndose polo momento se poderemos gozar do mesmo en Europa.
O HTC Rezound é o primeiro móbil de HTC cunha pantalla a 720p, o que facilita a reprodución de contidos en alta definición como películas e series de televisión, que mediante Mobile High Definition Link (MHL) poderían verse nun televisor de alta definición, incluíndo son envolvente 5.1 e SRS WOW para tirar proveito de sistemas de cine en casa.
Este terminal funciona cun procesador de dobre núcleo Qualcomm MSM8660 a 1,5 GHz, sistema operativo Android 2.3 (con HTC Sense), 1 Gb de RAM, 16 Gb de memoria interna (ampliada por unha tarxeta microSD de 16 Gb incluída), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles (coa posibilidade de gravar vídeo a 1.080p), Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, GPS, HDMI (MHL), batería de 1.620 mAh (capaz de cargarse sen fíos) e unhas medidas de 129 x 65,5 x 13,65 milímetros.
Como estamos ante un móbil con conectividade LTE (4G) é probable que non o vexamos no noso territorio coa configuración e nome que ten nos EE.UU., pero non sería de estrañar que chegase ao noso mercado en versión 3G con outro nome.


Vídeo promocional do HTC Rezound

PUBLICIDADE