O HomePod chegará a España o 26 de outubro a un prezo de 349 euros

mércores, 12 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O altofalante conectado de Apple, o HomePod, é un deses produtos que moitos lembrarán polo seu accidentado lanzamento, xa que presentouse a primeiros de xuño de 2017, pero non foi quen de chegar a algúns mercados até primeiros de 2018 e converterse nun produto completo a finais do pasado mes de maio, de xeito que case tería tardado un ano en xestarse a súa materialización nun produto de electrónica de consumo que por fin estará dispoñible no noso territorio, de xeito que xa podemos ver na páxina web de Apple como figura en cor branca ou gris espacial a un prezo de 349 euros.
O HomePod chegará a España o 26 de outubro e, de feito, quen xa posúa un destes altofalantes conectados, a partires do 17 de setembro por fin funcionarán en español, abríndoos así aos mercados hispanofalantes (de feito chegan a España o mesmo día que a México).
Estes altofalantes están pensados para tirar proveito de Siri e do servizo de Apple Music e, en contraste cos Google Home ou os Amazon Echo, non están orientados a ser interfaces para un asistente persoal, senón que a súa función principal é a reprodución musical, polo que o seu deseño está orientado principalmente a conseguir unha grande calidade sonora.
Dende que conta con soporte de AirPlay 2 é moito máis doado empregalo a través de dispositivos móbiles de Apple (de xeito que, aínda que o único servizo de streaming compatible con altofalante é Apple Music, permite que dende o móbil podamos lanzar outros servizos como Spotify), así como poder combinar dous altofalantes para conseguir son estéreo ou repartilos a través de varias instancias converténdose nunha especie de fío musical.
Cómpre salientar que, aparte da reprodución de cancións de Apple Music tamén facilita o streaming de podcasts de xeito independente ao smartphone, facilitando así a solicitude de podcasts a escoitar a través de Siri. Siri tamén facilita o control dos nosos accesorios domóticos (compatibles con HomeKit) mediante ordes de voz.

PUBLICIDADE