O Honor 5c preséntase cun procesador Kirin 650 e pantalla de 5,2 polgadas

xoves, 28 de abril do 2016 Marcus Fernández

Huawei presentou hoxe o seu novo smartphone de gama media, o Honor 5c, un terminal con pantalla IPS FullHD de 5,2 polgadas que funciona cun procesador Kirin 650 de 8 núcleos, 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 128 GB), configuración que podería considerase case un estándar entre os móbiles chineses, aínda que neste caso coidan un pouco máis detalles como as súas cámaras de 13 e 8 Mpíxeles (ambas cunha apertura f/2.0) e incluso conta cun sector de pegadas dixitais na súa parte traseira.
Este smartphone 4G pode conectarse á banda larga móbil a velocidades de até 300 Mbps, soporta até dúas tarxetas SIM, ten conectividade Wi-Fi N e Bluetooth 4.1, e incluso conta con receptor de radio FM. O grosor deste terminal é de 8,3 milímetros, pesa 156 gramos, como porto de carga (para a súa xenerosa batería de 3.000 mAh) opta por un micro USB (en vez de apostar polo USB-C doutros smartphones semellantes do mesmo fabricante) e funciona cun sistema operativo cunha capa de personalización baseado en Android 6.0.
Sae á venda en China a un prezo de 899 iuans (122,28 euros) nunha versión 3G e por 999 iuans (135,89 euros) para o seu modelo 4G. Desta volta cómpre destacar que a familia Honor ten distribución internacional, polo que o prezo de venda de referencia non será o chinés, senón o que teña en cadanseu mercado (de xeito que para España incluiría IVE e garantía de 2 anos, elementos que encarecen substancialmente os dispositivos, polo que o modelo 4G do Honor 5c podería superar os 165 euros, mantendo un prezo bastante atractivo).

O Honor 5c estará dispoñible en varias cores

PUBLICIDADE