O Honor V20 integra cámara traseira de 48 Mpíxeles e cámara frontal nun orificio na pantalla

mércores, 26 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Esta semana chega ao mercado chinés un dos smartphones que vai polo camiño da tendencia que imperará en 2019, o Honor V20, que presenta unha pantalla IPS Full HD+ de 6,4 polgadas cun orificio nunha esquina para albergar a súa cámara frontal de 25 Mpíxeles con apertura f/2.0. No que se refire á cámara traseira, temos unha curiosa configuración, xa que o sensor Sony de 48 Mpíxeles con apertura f/1.8 en vez de apoiares nunha segunda cámara ordinaria opta por un sensor 3D TOF que facilita o enfoque veloz e contribúe a realizar bos efectos de desenfoque.
O Honor V20 funciona cun procesador Kirin 980 a 2,60 GHz, cunha gráfica Mali G76 MP10, está equipado con 6/8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD). Tamén conta con Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 (compatible con AptX e AptX HD) e unha xenerosa batería de 4.000 mAh con cargar rápida por USB-C.
Este interesante terminal, que proximamente chegará ao noso mercado, está dispoñible en China por 2.999 iuans (382 euros) no seu modelo con 6 GB de RAM, mentres que con 8 GB de RAM o prezo sube até os 3.499 iuans (445 euros), prezos que deixan claro que non estamos ante un auténtico buque insignia da marca Honor.

PUBLICIDADE