O Huawei P50 chegará con grandes cámaras e HarmonyOS

mércores, 2 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Huawei está a perfilar o seu futuro lonxe da tecnoloxía de Google, de aí que veñan de presentar unha chea de produtos que funciona con HarmonyOS, sistema operativo baseado en Android, pero independente de compañías estadounidenses, para así poder manterse a longo prazo con seguridade.
Dos produtos presentados por Huawei temos monitores e ordenadores (que comercializaranse sen problema), tabletas e reloxos (que chegarán co novo sistema operativo) e, finalmente, tamén smartphones, sendo a primeira familia en dar este salto a do Huawei P50, un novo móbil insignia do que deixaron albiscar os seus módulos de cámara, constatando que manterán a súa aposta polo apartado fotográfico, no que Huawei leva anos sendo líder.
Este novo smarphone presentarase oficialmente nos vindeiros días, aínda que será difícil predicir cando chegará ás tendas, xa que actualmente teñen grandes problemas de produción, como boa parte da industria a nivel global.
Pero o avance de Huawei lonxe das redes de Google non se limitará aos novos produtos, senón que tamén prevén a actualización a HarmonyOS aos produtos das familias Mate40, Mate30 e P40, que nos últimos meses tiveron serios problemas para atopar un oco no mercado, xa que os consumidores consideraban inaceptable a adquisición de móbiles de alta gama son aplicacións fundamentais como as de Google e Facebook, atranco que HarmonyOS tampouco supera, polo que o futuro de Huawei fóra de China continúa a ser toda unha incógnita.

Presentación das novidades sobre HarmonyOS por parte de Huawei

PUBLICIDADE