O Huawei P9 fai uso dunha dobre cámara traseira de Leica para destacar na fotografía móbil

mércores, 6 de abril do 2016 Marcus Fernández

Hoxe Huawei celebrou unha grande presentación en Londres para dar conta dos seus novos smartphones, que pretende converterse en referentes da fotografía móbil grazas á colaboración con Leica. Trátase dos Huawei P9 e P9 Plus que iniciarán o seu lanzamento comercial o 16 de abril en 29 países entre os que figura España.
Richard Yu, o director xeral do Huawei Consumer Business Group, expresou o seu entusiasmo por “achegar aos usuarios do P9 a mellor experienica de fotografía nun smartphone mediante o aproveitamento das capacidades sen rival de Leica, líder mundial no mundo da imaxe durante máis de 100 anos”, e para deixar clara a súa aposta, Huawei vai tirar proveito de estrelas cinematográficas como Henry Cavill e Scarlett Johansson, quen farán de embaixadores dos Huawei P9 e protagonizarán o seu anuncio de televisión do que amosaron un adianto para o que contaron con Cavill no escenario.
Para poder destacar coa súa cámara os P9 optan por un sistema de cámara dual, de xeito que unha cámara RGB especialízase en captar a cor, mentres que a outra rexistra o detalle das imaxes, conseguindo así instantáneas cun nivel de detalles, profundidade e cor que incluso conseguen resultados de calidade en condicións de baixa luz. Un dos detalles máis curiosos desta configuración é que o móbil pode funcionar como unha cámara en branco e negro real.
Para conseguir unhas imaxes nítidas, as cámaras do P9 combinan tres tecnoloxías no seu enfoque (láser, cálculo da profundade e contraste) e elixe a que considera que dá o mellor resultado. Tamén contan con axustes da apertura da cámara para poder crear efecto bokeh e outros efectos de profundidade de campo.
A nivel de acabado Huawei tamén coida estes novos teléfonos, para que quede claro que estamos ante produtos premium, o que pode verse dende a súa carcasa de aluminio de clase aeroespacial e o cristal 2.5D, até os acabados en cor bruma dourada facendo uso de técnicas que inclúe o cepillado de liñas e o pulido de metal con elevada precisión para crear unha superficie de metal translúcida. Adicionalmente tamén estará dispoñible unha versión do P9 en cor branco cerámico que emula a pintura dos coches de alta gama, que reacciona de xeito impresionante ante o cambio das condicións ambientais.
O Huawei P9 vén a ser un smartphone con pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador Kirin 955 de oito núcleos, 3/4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 12 Mpíxeles con dobre obxectivo, cámara frontal de 8 Mpíxeles (con apertura F/1.8), lector de pegadas dixitais e batería de 3.000 mAh (dabondo para reproducir 12 horas de vídeo en HD ou navegar en 4G durante 8 horas), que funciona con Android 6.0 coa capa de personalización EMUI 4.1. O modelo con 3 GB de RM e 32 GB de almacenamento interno venderase por 599 euros, mentres que con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno custará 649 euros.
Pola súa banda o Huawei P9 Plus diferénciase por incorporar unha pantalla Full HD de 5,5 polgadas con Press Touch, batería de 3.400 mAh (que presume de conseguir unha autonomía un 30% maior que un iPhone 6s Plus) e un sistema de carga rápida que permite autonomía para falar por teléfono até 6 horas con só 10 minutos de carga. Este terminal chegará ao mercado a un prezo de 749 euros, estando equipado con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno.

O Huawei P9 chegará ao mercado con acabados metálicos de varias cores, así como en branco cerámico
O Huawei P9 tamén contará con distintos tipos de smart cover

Avance en vídeo do anuncio que protagonizarán Henry Cavill e Scarlett Johansson

PUBLICIDADE