O Huawei Watch D pode medir a tensión

venres, 24 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que Huawei perdeu grande relevancia no noso mercado por mor das sancións que lle impiden integrar nos seus móbiles os servizos de Google, estes días poñen á venda en China un produto que posiblemente chegue ao noso mercado e que resulta bastante atractivo: o Huawei Watch D.
Este reloxo conectado que en China venderase a 2.988 iuans (415 euros) ten unha pantalla AMOLED táctil de 1,64 polgadas e formato rectangular, conectividade Bluetooth 5.1, NFC, GPS, batería cunha autonomía normal de até 7 días, resistencia IP68 e unha clara vocación de monitor da nosa saúde, xa que integra sensor de medición de ritmo cardíaco, permite realizar electrocardiogramas, pode medir o nivel de osíxeno en sangue e incluso é capaz de tomar a tensión arterial grazas a unha correa especial que utilizar aire a presión.
Estamos así ante un smartwatch que, aínda que poida resultar práctico para recibir notificacións do móbil ou rexistrar a nosa actividade física durante a práctica deportiva, é máis interesante como unha ferramenta para facer un seguimento da nosa saúde. É compatible con Android e HarmonyOS de xeito completo, e tamén pode empregarse con iOS (aínda que con funcións máis limitadas).

PUBLICIDADE