O Huawei Watch preséntase como un dos dispositivos con Android Wear máis elegantes

luns, 2 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Richard Yu presentou o Huawei Watch en Barcelona

Nas últimas semanas non foron poucos os fabricantes que amosaron as súas novas propostas de smartwatch para adiantarse ao lanzamento de Apple, e aproveitando o comezo do Mobile World Congress de Barcelona Huawei non quixo ser menos que o resto e o seu director xeral, Richard Yu, amosou ao mundo o seu novo Huawei Watch, que destaca por ser un dos reloxos con Android Wear co deseño máis tradicional, xa que adopta un corpo de aceiro inoxidable, unha pantalla redonda con cristal de zafiro cun diámetro de 42 milímetros e correas intercambiables.
Estamos ante un reloxo cun grosor de 11,3 milímetros, que chegará ao mercado en tres cores distintas (negra, ouro e prata) e que, baixando ao nivel das súas especificacións técnicas conta cunha pantalla AMOLED de 1,4 polgadas cunha resolución de 400 x 400 píxeles, un procesador Qualcomm APQ8026 a 1,2 GHz, 512 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno, Bluetooth 4.0/4.1, xiroscopio, acelerómetro, barómetro, pulsímetro, motor de vibración, micrófono e batería de 300 mAh.
Deste xeito temos un reloxo de pulso orientada en grande medida a monitorizar as nosa actividade diaria, facilitarnos a comunicación a través do móbil e permitirnos igualmente vestir un accesorio de moda que resulte o suficientemente discreto como para evitar os reparos que teñen moitos consumidores á hora de levar wearables. Polo momento non anuncian nin data de lanzamento nin prezo deste atractivo produto.

O reloxo consegue casar Android Wear cun deseño elegante


Vídeo no que afondan no deseño do Huawei Watch

PUBLICIDADE