O Kindle básico mellora a súa pantalla e amplía o seu almacenamento

martes, 13 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Amazon está a renovar o seu lector de libros electrónicos, o Kindle, que no seu novo modelo básico pasará a contar cunha pantalla de 6 polgadas cunha resolución de 300 puntos por polgada e cunha capacidade de almacenamento de 16 GB, así como un conector de carga USB-C, o que supón un grande salto de calidade que por desgraza terá un impacto directo no seu prezo, que pasará de 89,99 euros a 109,99 euros.
O novo Kindle conta con luz frontal regulable (de 4 LED) e modo noite para facilitar a lectura de noite e de día; a súa batería promete unha autonomía de até 6 semanas; Wi-Fi de 2,4 GHz e 5 GHz; o seu peso é de 158 gramos; e como cambio visible tamén temos que, aparte de poder adquirirse en cor negra, haberá un modelo en cor azul vaqueiro.
Está previsto que o novo lector de libros electrónicos chegue ao mercado en outubro, e podemos entender que o seu lanzamento supón subir o listón desta gama de produtos, xa que o Kindle básico colocaríase á altura do Kindle Paperwhite en resolución de pantalla, aínda que este último continuaría a ser un produto máis recomendable, xa que, mantendo as mesmas dimensións ofrece unha pantalla máis grande (6,8 polgadas), mellor iluminación (17 LED con luz cálida axustable) e resistencia á agua.

PUBLICIDADE