O LG Cookie chega coma un móbil con pantalla táctil e prezo moderado

luns, 10 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os móbiles con grandes pantallas táctiles para ver fotografías e vídeos son cada vez máis habituais, e como non todos os usuarios quere empregalos para funcións avanzadas (como navegar pola web) os fabricantes comezan a lanzar dispositivos de gama media que collen só as funcións máis habituais para certo público e as entrega a un prezo moderado, coma é o caso do LG KP500, que pasará a coñecerse comercialmente coma LG Cookie (galleta en inglés) e que será un terminal cunha aparencia moi atractiva que se venderá libre por 249 euros.
O LG Cookie conta cunha pantalla táctil de 3 polgadas cunha resolución de 240 x 400 píxeles, cunha interface de uso moi intuitiva (que permite moverse polas súas distintas opcións cun único toque), que posibilita a escritura de mensaxes de texto sen empregar o teclado (valéndose de tecnoloxía de recoñecemento de escritura ou cun teclado QWERTY virtual), pode editar fotografías coa súa plumiña (que se pode incrustar no terminal), detecta a rotación para posicionar axeitadamente a súa pantalla e conta tamén con sensores de movemento dos que poderá tirarse proveito en distintos xogos.
Este novo teléfono que mide 106,5 x 55,4 x 11,9 milímetros e pesa 87 gramos, conta cunha autonomía de 350 horas en espera e 3,5 horas en conversa, estando a dispoñible para a súa compra en España.

PUBLICIDADE