O LG G3 terá pantalla de 5,5" de 538 dpi e cámara con enfoque automático láser

martes, 27 de maio do 2014 Marcus Fernández

Aínda que a filtración accidental de onte estragase boa parte da presentación do LG G3, finalmente o novo smartphone insignia de LG é oficial, estará dispoñible en España a partir do mes de xullo, e agochaba algunha sorpresa bastante interesante, como o feito de que a súa cámara de 13 Mpíxeles tivese un sistema de enfoque automático baseado nun láser, que xunto cun sensor BSI, un estabilizador óptico de imaxe e un flash LED dual conseguiría fotografías de grande calidade incluso baixo pouco luz. Tampouco esquece o flash na súa cámara frontal de 2,1 Mpíxeles (para permitir disparar auto-fotos).
O novo móbil con pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (o que supón unha densidade de píxeles de 538 puntos por polgada), presume dun corpo de metal moi lixeiro (pesa só 151 gramos pese ás súas considerables dimensións), contaría cunha xenerosa batería de 3.000 mAh extraíble que pode cargarse sen fíos, e que funciona con Android 4.4.2 con numerosas melloras implementadas por LG como un teclado intelixente de tamaño flexible, un sistema de notificación proactivo, compatibilidade coa funda Quick Circle (cunha fiestra circular para empregar o dispositivo coa tapa pechada) e a posibilidade de desbloquear o dispositivo mediante toques na súa pantalla.
O LG G3 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 2,5 GHz, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb), conectividade LTE, Bluetooth 4.0, NFC, Wi-Fi AC e incluso un potente altofalante de 1 W. O seu prezo será de 599 euros e estará dispoñible en negro metalizado, branco nacarado e ouro.

Aínda que inicialmente chegará en 3 cores, o LG G3 contará cunha maior diversidade cromática


Vídeo promocional do LG G3

PUBLICIDADE