O LG G8 ThinQ usará a pantalla para amplificar o son

xoves, 14 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Anticipándose á celebración do Mobile World Congress dende LG continúan a dar detalles do LG G8 ThinQ, e tras desvelar que terá tecnoloxía de Time-of-Flight (ToF) na súa cámara frontal, agora anuncian que incluirá Crystal Sound OLED (CSO), unha tecnoloxía innovadora que utilizará a pantalla OLED do teléfono a xeito de amplificador do son.
Dende LG consideraron interesante aproveitar a pantalla para mellorar a capacidade sonora dos seus móbiles ante o uso cada vez máis habitual do smartphone como dispositivo de reprodución multimedia, de aí que unha boa escoita sexa un valor en alza.
A tecnoloxía CSO é un traballo interno de LG, que converte a pantalla do móbil nunha especie de diafragma, facendo que a súa superficie completa vibre para producir son cun volume impresionante, facendo que as voces sexan máis doadas de entender, e que tamén poidan percibirse mellor as notas musicais máis sutís. Para este traballo LG contou coa colaboración de Meridian, compañía experta en son.
Cómpre lembrar que LG xa leva tempo apostando polo son de calidade nos seus móbiles de alta gama, e na nova xeración de smartphones presumirá de audio DTS.:X 3D Surround que emula un sistema envolvente 7.1 con ou sen auriculares, conta cun Quad DAC de alta fidelidade e incluso aproveita o espazo interno dos teléfonos a xeito de cámara de resonancia para conseguir mellores baixos e máis volume.

PUBLICIDADE