O LG Optimus 3D Max insiste nas 3D no móbil

mércores, 22 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos meses quedou moi clara a aposta polas 3D por parte de LG (compañía á que parece funcionarlle bastante ben a gama de produtos Cinema 3D con lentes pasivas como as das salas cinematográficas) de aí que continúen a apostar por levar a experiencia a dispositivos móbiles como o LG Optimus 3D, presentando agora o seu sucesor, o LG Optimus 3D Max, terminal que poderá verse a semana que vén durante o Mobile World Congress de Barcelona e que chegará ás tendas surcoreanas o mes que vén.
O LG Optimus 3D Max contará cunha resistente pantalla IPS 3D sen lentes de 4,3 polgadas, procesador a 1,2 GHz, cámara de dobre óptica de 5 Mpíxeles cada unha (para rexistrar vídeo 3D), 16 Gb de almacenamento interno, batería de 1.520 mAh e unhas dimensións de 126,8 x 67,4 x 9,6 milímetros. Funcionará con Android 2.3 (actualizable a Android 4.0) compatible co sistema LG Tag de etiquetas NFC (que facilitan a selección de distintas configuracións do terminal ao achegarse ás mesmas).
Entre as prestacións do LG Optimus 3D Max está a posibilidade de levar contidos a un televisor de alta definición a través de MHL, poder ver contidos como xogos desenvolvidos en Open GL e aplicacións como Google Earth en 3D e conmutar entre 2D e 3D con só premer un botón. Unha interesante opción para os amantes das 3D que incluso queiran gravar e editar vídeos estereoscópicos dende o seu móbil e aproveitar así o seu televisor/monitor 3D (que en poucas ocasións pode gozar de contidos 3D).

PUBLICIDADE