O LG V50 ThinQ 5G ofrece dobre pantalla como opción de futuro

mércores, 26 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Dende LG resístense a tirar a toalla no mercado dos smartphones, e pese a ter unha presenza insignificante, están a esforzarse para que as súas propostas capten a atención do público con elementos que reflicten certa identidade, como o feito de que varios dos seus móbiles insignia poden gozar dunha segunda pantalla que se conecta cunha funda, como un xeito alternativo e económico de achegarse aos teléfonos encartables.
O LG V60 ThinQ 5G sería o novo teléfono da compañía surcoreana que como xa indica o seu nome, empregará como punto forte a súa conectividade 5G, así como o feito de que a súa pantalla OLED de 6,8 polgadas poida completarse cunha pantalla externa do mesmo tamaño. A nivel de cámaras tamén quere destacar coa súa cámara traseira de 64 Mpíxeles e f/1.8, acompañada por unha cámara grande angular de 13 Mpíxeles e unha cámara de profundidade. A cámara frontal limítase a un sensor de 10 Mpíxeles con apertura f/1.9. A súa batería de 5.000 mAh promete unha boa autonomía, e conectividade Wi-Fi 6, NFC e Bluetooth 5.1, consolidan un terminal moi completo, que tamén pode presumir de resistencia ao po e á auga, de contar con toma para auriculares e incluso de ter lector de pegadas dixitais en pantalla.
Está previsto que este smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 5G, 8 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento chegue ao mercado o mes que vén, que será cando poderemos comprobar se realmente estamos ante un dispositivo innovador e atractivo ou cando constataremos que estamos simplemente ante unha curiosidade que pasará polo mercado sen resultar rechamante.

A dobre pantalla é unha curiosa alternativa aos smartphones encartables

PUBLICIDADE