O Lenovo Smart Display sae á venda en España

mércores, 26 de xuño do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado Lenovo entrou a competir directamente cos Echo Show de Amazon estreando nos EE.UU. as súas pantallas táctiles co asistente de Google integrado, e finalmente podemos adquirir en España o Lenovo Smart Display na nas súas versións con pantalla de 8 e 10,1 polgadas a un prezo recomendado de 179,99 e 239,99 euros respectivamente, quedando como incógnita se veremos pronto o Lenovo Smart Clock, que sería o asistente orientado á mesiña de noite máis competitivo do mercado.
Os dispositivos Lenovo Smart Display son, en esencia, unha pantalla IPS de 8 ou 10,1 polgadas con resolucións de 1.280 x 800 ou 1.920 x 1.200 píxeles respectivamente, cun altofalante de 100 watts e micrófonos para captar a voz do usuario, que funcionan cun procesador Qualcomm Snapdragon 624, 2 GB de RAM e 4 GB de almacenamento, conectividade Wi-Fi e Bluetooth 4.2, así como webcam de 5 Mpíxeles, de xeito que podemos velos como unha tableta cun altofalante potente que, en vez de estar orientada a un uso nas mans, pretende que a utilicemos con ordes de voz para controlar a electrónica doméstica, realizar videoconferencias, ver vídeos, escoitar música, amosar fotografías, monitorizar cámaras domésticas ou axudar a realizar receitas de cociña.
Sen dúbida un xeito de ter un trebello semellante a un marco dixital, pero que vai máis aló do estético e consegue ter funcionalidades que resultan prácticas no día a día.

PUBLICIDADE