O Lenovo Vibe Z contará cunha cuberta cunha fiestra para amosar información

martes, 12 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Lenovo está a dar a coñecer o que será o seu novo smartphone Vibe Z (modelo K910) que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 a 2,2 GHz, gráfica Adreno 330 e 2 Gb de RAM, que goza dunha grande pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas, cámaras de 13 Mpíxeles (con dobre flash LED) e 5 Mpíxeles (grande angular) e espazo para 2 tarxetas SIM, que presumirá dun grosor de só 7,9 milímetros e dunha funda protectora para a súa pantalla que presenta unha fiestra na que o dispositivo pode amosar información como a hora e a predición meteorolóxica pese a estar a tapa pechada (semellante á que xa está dispoñible para o Samsung GALAXY S4).
Este interesante smartphone ten na súa cámara fabricada por Sony un dos seus puntos fortes, sendo capaz de disparar ata 10 imaxes por segundo e contando con tecnoloxía que busca conseguir unhas mellores imaxes baixo pouca luz. Descoñécese o prezo que terá este smartphone, pero Lenovo tennos afeitos a prezos bastante axustados para elevadas prestacións (aínda que os seus móbiles só gozan de sona en mercados asiáticos).

A cuberta do smartphone non impedirá que poidamos consultar a hora ou a predición meteorolóxica

PUBLICIDADE