O Lérez Up conveterá Pontevedra na capital dos videoxogos e a cultura friqui

mércores, 17 de agosto do 2022 S. P.

O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Alberto Oubiña, presentou os días pasados a programación oficial do Lérez Up, unha cita de ocio, lecer e encontro que mesturará videoxogos e cultura friqui baixo “unha mesma bandeira e un mesmo espazo”, entre o 27 e o 28 de setembro.
“É unha cita pensada para os fanáticos dos videoxogos, do manga e doutras ramificacións culturais”, dixo, engadindo que o evento vén da man do Concello en colaboración coa Asociación Gaming Troop, e incluirá obradoiros, charlas, competición e ocio; un espazo no que “descubrir novos videoxogos, novos e antigos”.
O edil engadiu que “na práctica o evento xa comezou”, pois está iniciado o torneo de League of Legends, que nas fases previas da competición xa conta cuns 130 participantes. A fase final deste torneo terá lugar no Recinto Feiral de Pontevedra, no propio espazo do evento.
Tamén haberá torneos de Valorant e Smash Bros. Ultimate, contando este último con máis de 100 participantes do Estado e do Portugal, e “será o torneo máis grandes organizado en Galiza até o momento”, explicou o concelleiro, engadindo que tamén haberá máis de 50 postos de consolas e ordenadores para xogo libre e torneos pequenos sen inscrición previa. “Queremos que sexa un espazo para todas as idades, un espazo seguro para todos os públicos”, explicou.
A maiores está prevista a presenza de máis de 56 creadores e artistas locais que amosarán as súas obras, e maís unha demostración-obradoiro de Cosplay, onde profesionais da modelaxe e a costura amosarán unha caracterización dos seus personaxes favoritos, e contarase con convidados e convidadas especialistas nesta materia, divulgando e ensinando esta cultura. Un xurado especializado valorará a preto de medio cento de participantes neste apartado.
Por último, máis de dez asociacións chegadas de todo o país están convidadas a participar no evento, chegando a facer actividades de todo tipo e que poden ser consultadas na súa totalidade a través da páxina oficial da asociación pontevedresa, onde tamén é posíbel realizar os diferentes procesos de inscrición e de venda de entradas.

PUBLICIDADE