O Meizu M1 Note competirá co iPhone 6 Plus coa aparencia do iPhone 5C e un prezo ridículo

martes, 23 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O fabricante chinés Meizu parece querer pórlle as cousas difíciles a Apple en moitos mercados, e así presenta o seu novo Meizu M1 Note, un smartphone que en moitos aspectos podería considerarse como unha alternativa solvente do iPhone 6 Plus, pero que presenta unha estética máis propia do iPhone 5C, o que permítelle ter un prezo de só 999 e 1.119 iuans (131,16 e 146,91 euros) para as súas versións con 16 e 32 GB de almacenamento interno respectivamente, o que está moi lonxe dos 799 euros dos que parte o terminal de máis tamaño de Apple.
O Meizu M1 Note busca atender á demanda de smartphones de grande tamaño cunha pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, con protección Corning Gorilla Glass 3; funciona cun procesador MediaTeK MT6752 de 64 bits e 8 núcleos a 1,7 GHz e 2 Gb de RAM, polo que ten un rendemento máis que razoable; en conectividade pode presumir de LTE, Wi-Fi N de dobre banda e Bluetooth 4.0; está equipado cunha cámara traseira Samsung de 13 Mpíxeles e cunha cámara frontal de 5 Mpíxeles; soporta dobre SIM (unha conéctase a 4G/3G a velocidades de até 150 Mbps e a outra só a GSM para voz); funciona con Android coa capa personalizada Flyme OS; ten un grosor de só 8,9 milímetros e un peso de 145 gramos; e para soster todo iso funcionando durante o maior tempo posible, ten unha batería recargable de 3.140 mAh (que permitiría 12 horas de navegación web 4G, 15 horas de reprodución de vídeo, 40 horas de chamadas de voz GSM ou 60 horas de reprodución musical).
Parece así que a nivel de prestacións é un smartphone que cumpre, e para satisfacer aínda máis venderase cun corpo dunha única peza de policarbonato en distintas cores (branco, azul ceo, amarelo, verde e rosa) que lembran ao acabado dun iPhone 5C (ou dalgúns terminais de Nokia), o que pode facilitar que esteamos nun auténtico super-vendas do que aínda non se coñece a data na que estará dispoñible fóra de China.

O novo smartphone de Meizu ten soporte para dobre SIM
O Meizu M1 Note venderase cunha carcasa de policarbonato de cores vivas

PUBLICIDADE