O Meizu M5 Note chega até os 4 GB de RAM e os 64 GB de almacenamento interno

mércores, 7 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés Meizu vén de actualizar o seu M3 Note basicamente reducindo o seu grosor en 0,1 milímetros e incrementando a RAM e a capacidade de almacenamento, de xeito que o novo Meizu M5 Note sería case igual que o móbil presentado en abril, aínda que sendo máis competitivo. Como curiosidade podemos comentar que o fabricante parece ser supersticioso ao omitir o modelo M4 Note (por considerarse que o número 4 trae mala sorte).
Este novo smartphone véndese a 899 iuans (121,25 euros) con 3 GB de RAM e 16 GB de almacenamento, 999 iuans (134,75 euros) con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento e 1.499 iuans (202,18 euros) con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento. Está dispoñible con carcasas de metal en cor gris, prata, dourado e azul, funciona cun procesador Helio P10, pantalla Full HD de 5,5 polgadas con cristal curvo 2.5D, cámara traseira de 13 Mpíxeles con apertura f/2.2 e enfoque en 0,2 segundos, cámara frontal de 5 Mpíxeles con apertura f/2.0 e efecto beleza, lector de pegadas dixitais traseiro (capaz de ler unha pegada en só 0,2 segundos), Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, un grosor de 8,1 milímetros, 175 gramos de peso e batería de 4.000 mAh con carga rápida (18W).
Sen dúbida un smartphone cunha magnífica relación calidade prezo, aínda que cando chegue ao mercado europeo terá uns rangos de prezos considerablemente superiores.

O novo smartphone de Meizu véndese con carcasas de metal en varias cores (ouro champaña, prata, gris e azul).

PUBLICIDADE