O Moto 360 Sport fusiona smartwatch e reloxo deportivo

mércores, 2 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Motorola quere manter o seu posto de referencia no mercado dos smartwatches con Android, e o que fora o primeiro dispositivo desexado da súa clase pola súa pantalla circular, o Moto 360, estrea un novo modelo, o Moto 360 Sport, que supón a fusión do anterior smartwatch cos reloxos deportivos, de xeito que permite saír a practicar deporte sen cargar co smartphone, xa que integra GPS, monitor cardíaco e reprodutor musical.
Para ser apto para a práctica deportiva o Moto 360 Sport conta cunha construción en silicona resistente que non absorbe a suor e permite a ventilación lateral; inclúe GPS que funciona en combinación con software Moto Body para medir o desempeño durante os adestramentos; é compatible con numerosas aplicacións deportivas para Android (Fitbit, Google Fit, MapMyRun...) coas que permite sincronizarse; fai un seguimento do ritmo cardíaco durante os adestramentos, para poder saber se cumprimos cos obxectivos marcados; a súa pantalla híbrida fai que en interiores poidamos gozar dunha fermosa pantalla LCD, mentres que en exteriores reflexa a luz natural sendo doada de ler; ten un marco moi reducir para aproveitar o seu tamaño o máximo posible; tamén pode empregarse para tarefas cotiás (ler mensaxes de Gmail, responder a mensaxes de WhatsApp, recibir informes meteorolóxicos...); pode sincronizarse coas nosas cancións e podcast favoritos a través de Google Play Music para poder escoitalos cando non teñamos o teléfono a man; e mellora a súa batería para permitir que incluso coa pantalla en modo ambiente acendido a batería do reloxo poida durar un día enteiro.
Este novo smartwatch chegará a Reino Unido e Francia o 18 de decembro, mentres que nos EE.UU. porase á venda o 7 de xaneiro a un prezo de 299 dólares. A súa comercialización continuará despois por Brasil, Canadá, China, México e España.

PUBLICIDADE