O Moto E busca captar aos que aínda non teñen smartphone

martes, 13 de maio do 2014 Marcus Fernández

Tras as numerosas filtracións, Motorola anunciou oficialmente o Moto E, que vai chegar ao mercado cunha intención moi clara: animar aos usuarios de teléfonos non conectados a optar por un smartphone. Para iso, Motorola ten a campaña #GoodbyeDumbPhone, coa que destacan que os teléfonos sen aplicacións son cousa do pasado, polo que instan a adquirir o Moto E, “un móbil feito para durar, cun prezo para todos”.
A nivel técnico temos un terminal bastante equilibrado, cun procesador Qualcomm Snapdragon 200 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas midroSD de ata 32 Gb, pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 540 x 960 píxeles e protección anti-pegadas e Corning Gorilla Glass 3, cámara traseira de 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, radio FM, batería de 1.980 mAh, un grosor de 12,3 milímetros e un peso de 142 gramos, que estará dispoñible en versión cunha ou dúas tarxetas SIM e que, como os seus predecesores, chegará coa última versión de Android (4.4) con garantía de actualización.
Este smartphone non só promete unha autonomía que chegue á fin do día (algo que non conseguen moitos terminais de gama alta cun uso normal), é moi resistente (aparte da súa pantalla, tamén é resistente a salpicaduras) e, para rematar de redondear o produto, contará con numerosas carcasas de Motorola para personalizalo.
¿E o seu prezo? Só 89 libras esterlinas no Reino Unido, chegando tamén a España a un prezo de 119 euros na súa versión libre (tamén o ofertarán varios operadores), converténdose nunha das mellores opcións nese rango de prezos.
Adicionalmente Motorola tamén anuncia que en poucas semanas vai achegar ao mercado unha versión do Moto G con conectividade LTE (4G) que no Reino Unido venderase por 149 libras esterlinas.

O Moto E contará con carcasas para personalizar a súa aparencia e/ou dotalo de protección adicional


Vídeo promocional do Moto E

PUBLICIDADE