O Moto Z3 podería ser o primeiro móbil comercial con 5G

venres, 3 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Aínda que o soño dos smartphones modulares quedou finalmente nunha anécdota, cun reducido número de terminais que ousan a contar con módulos de expansión para mellorar a cámara, o GPS, a batería ou algún outro elemento, dende Motorola tiveron a ben aproveitar tal tecnoloxía para marcarse un grande tanto, e así anuncian que o seu novo Moto Z3 será o primeiro smartphone 5G do mercado, non porque xa sexa compatible coas futuras redes 5G, senón porque xa deseñaron un módulo que integrará un modem 5G (de xeito que conseguirá descargas até 10 veces máis rápidas e conexións con menor latencia) e unha batería adicional de 2.000 mAh.
Polo momento este terminal está orientado ao mercado norteamericano, para a súa comercialización a través de Verizon, pero non sería de sorprender que algunha compañía europea se anime a distribuílo para dar a coñecer os seus avances nas redes 5G.
O Moto Z3 é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 835, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD), pantalla Super AMOLED de 6,01 polgadas con resolución Full HD+, cámara traseira dual de 12 Mpíxeles (combinando un sensor de cor con outro monocromo), cámara frontal de 8 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais nun lateral, batería de 3.000 mAh con carga rápida por USB-C, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, un grosor de só 6,75 milímetros e un peso de 156 gramos. Este competente terminal tamén é resistente á auga e, aínda que está previsto que chegue ao mercado estadounidense o vindeiro día 16 a un prezo de 480 dólares, o módulo que o dotará de conectividade 5G non sairá á venda até primeiros de 2019.

Vídeo de presentación do novo Moto Z3

PUBLICIDADE