O Motorola DROID será o primeiro móbil con Android 2.0

xoves, 29 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Co anuncio da versión de proba de Google Maps Navigation falábase de que o sistema de navegación GPS de Google funcionaría no novo sistema operativo Android 2.0, citando que o terminal que o estrearía sería o Motorola DROID, que aínda non está no mercado, e a súa compañía vén de asegurar que chegará ao mercado norteamericano o vindeiro 6 de novembro a través da operadora Verizon Wireless e por un prezo de 199,99 dólares cun compromiso de permanencia de dous anos, mentres que o lanzamento europeo do terminal aínda non está confirmado.
O dispositivo non só será o primeiro en incorporar a nova versión de Google Android, senón que tamén estamos ante un hardware realmente completo, cunha pantalla táctil capacitiva de 3,7 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático, estabilizador de imaxe e flash LED dual (capaz de gravar vídeo con calidade DVD e cun doado sistema de carga a YouTube), aGPS e sGPS, acelerómetro, compás, Wi-Fi, USb 2.0, Bluetooth 2.1, conexión para auriculares estándar, lector de tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb (inclúe de serie unha de 16 Gb), teclado QWERTY deslizante, batería de 1.400 mAh (cunha autonomía de 385 minutos en conversa e 270 horas en espera), unhas dimensións de 115,80 x 60 x 13,70 milímetros e un peso de 169 gramos.
Este interesante móbil facilita a interacción con Facebook, conta cun navegador web baseado en Webkit HTML5 compatible con Flash 10, permite as buscas mediante voz e reproduce vídeo en MPEG-4, H.263 e H.264 así coma audio en AMR-NB/WB, MP3, WAV, AAC, AAC+, eAAC+ e WMA.

PUBLICIDADE