O Movie Cowboy permite reproducir vídeo de alta definición

venres, 16 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os discos duros multimedia teñen cada vez máis en conta os novos formatos de vídeo que permite a reprodución en alta definición, e Digital Cowboy estrea así cunha carcasa para discos duros SATA de 2,5 polgadas que se pode comunicar co ordenador a través dun porto USB e que destaca por soportar os formatos MPEG-1/2/4 (incluíndo DivX, Xvid e MS-MPEG4), DVD-Video, MP3, WMA, Ogg Vorbis, WAV PCM, AAC, WMV9, WMV HD, AVI, ISO e outros, podendo presentar o seu contido a través das súas saídas por compoñentes, composto e HDMI, polo que se pode poden ver os vídeos nun televisor de alta definición cunha excelente calidade (ata 1.920 x 1.080 píxeles).
Polo momento o Movie Cowboy (DC_MC25U2) xa se vende no Xapón a 24,800 iens (152,97 euros) sen incluír o disco duro que se debe albergar no seu interior. A carcasa do disco duro está separada dunha base na que se inclúen as saídas de vídeo, o que resulta bastante práctico, pois a base pode permanecer conectada ao televisor doméstico, mentres que o disco duro se pode extraer para a carga de contidos dende un ordenador, evitando a desinstalación do cableado de audio e vídeo (e da toma de corrente).
A carcasa mide 76 x 126 x 18 milímetros e pesa 85 gramos, mentres que a base é de 128 x 110 x 98 milímetros e un peso de 258 gramos.

PUBLICIDADE