O Museo da Catedral de Santiago, na plataforma Google Arts & Culture

luns, 1 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O contido máis relevante do Museo da Catedral de Santiago xa está na plataforma Google Arts & Culture, accesíbel para todas e todos os internautas do mundo. Así nolo vén de confirmar o buscador da Rede e máis a Fundación Catedral de Santiago, que explican que a devandita páxina recolle a día de hoxe 68 imaxes do histórico espazo de exhibición compostelán, entre as que se acubillan páxinas escolmadas do Códice Calixtino, relevantes obxectos como a Cruz Compostelá ou o rosetón da desaparecida fachada mateana.
A mostra componse así mesmo dunha ducia de imaxes en super-alta resolución dos tapices catedralicios realizados a partir de cartóns de Francisco de Goya (feitas pola cámara específica Art Camera, deseñada por Google para a obtención de primeiros planos “enormemente detallados” e potencialmente “relevadores de detalles que fican ocultos a primeira ollada) e máis tres visitas virtuais coa tecnoloxía Street View polo Palacio de Xelmírez, o Museo da Colexiata do Sar e o Museo Catedral de Santiago. Todo iso está dispoñíbel xa na páxina de Google que visualiza os grandes fitos artísticos culturais, artísticos e históricos da humanidade, artsandculture.google.com.
Exposicións dixitais
A mostra dixital abrangue catro historias interactivas, comisariadas por especialistas da dita fundación, que permiten coñecer de preto os seus tesouros: o Museo Catedral de Santiago (trátase dun percorrido polas pezas máis emblemáticas do museo que mostran as vivencias “dun templo de máis de mil anos de historia”), os Tapices de Goya (un achegamento a 12 tapices catedralicios realizados a partir de cartóns de Francisco de Goya e capturados en super-alta resolución), a historia interactiva Un mestre de nome Mateo (que descobre a relevancia do Mestre Mateo quen, entre 1168 e 1211, boa parte dos fitos históricos e artísticos máis relevantes da Catedral de Santiago) e o Camiño de Santiago (a lendaria orixe do itinerario xacobeo e as diferentes rutas utilizadas para chegar á tumba do Apóstolo).

PUBLICIDADE