O Nodo CIBER.gal celebrará en Ourense unha xornada sobre ciberseguridade

luns, 22 de maio do 2023 Redacción

O Nodo CIBER.gal organiza, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, a xornada Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro, o vindeiro 13 de xuño.
A xornada, que terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, ten como obxectivo achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaborarán entidades e persoas referentes neste ámbito, como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros.
Totalmente de balde, os interesados poderán inscribirse en modalidade en liña ou presencial en todas as actividades do programa. Entre elas, destacan unha mesa redonda na que se abordará a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos, obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade e, tamén, a presentación da Estratexia Galega de Ciberseguridade 2030, a cargo da AMTEGA. Todas elas serán celebradas en horario de mañá o martes 13 de xuño.

PUBLICIDADE