O Nokia 1.4 custará 99 euros

mércores, 3 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O Nokia 1.4 chegará ás tendas en 3 cores diferentes.

De cara a mercados emerxentes ou a usuarios pouco esixentes chega o novo Nokia 1.4, un smartphone baseado en Android 10 na súa edición Go (coa garantía de que recibirá unha actualización a Android 11) e que o mes que vén veremos nas tendas a un prezo de só 99 euros, polo que convértese nun bo teléfono de entrada.
O Nokia 1.4 presenta unha pantalla HD+ de 6.51 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 215, 1/2/3 GB de RAM (en función do territorio), cámara traseira dual cun sensor principal de 8 Mpíxeles que consegue boas imaxes grazas á aplicación Camera Go e un sensor macro de 2 Mpíxeles e unha cámara frontal de 5 Mpíxeles nunha pestana superior, 16/32/64 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB, toma para auriculares, radio FM, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, botón para invocar ao Asistente de Google, lector traseiro de impresións dixitais e batería de 4.000 mAh que promete autonomía para 2 días completos.
Un terminal bastante atractivo para os que valoren as actualizacións de software regulares (Nokia promete 2 anos de actualizacións como mínimo), que aposta polos formatos de pantalla actuais e unha boa autonomía, en vez de elevadas especificacións.

O Nokia 1.4 consegue unhas fotografías de certa calidade grazas ao uso da aplicación Camera Go.
O Nokia 1.4 presentará unha pantalla de 6.51 polgadas cunha pestana superior para a cámara frontal e cunha relación de aspecto 20:9.

Vídeo promocional do Nokia 1.4

PUBLICIDADE