O Nokia 8 permitirá usar simultaneamente as cámaras traseira e delanteira do móbil

mércores, 16 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Durante este mes están a chegar a España os smartphones Nokia 3, 5 e 6 presentados no Mobile World Congress de Barcelona, a uns prezos aproximados de 159,90, 209,90 e 249,90 euros respectivamente, de xeito que HMD Global parece querer conquistar a gama media con estes dispositivos que parecen estar a ser recibidos con grande frialdade polo mercado. Pero o anuncio de que a nova Nokia colaboraría con Zeiss para contar con smartphones con boas cámaras supuxo un sopro de aire fresco que espertou a esperanza dos antigos entusiastas da marca, que por fin saben dun auténtico móbil insignia da compañía: o Nokia 8.
Este novo smartphone de Nokia continúa a apostar por unha versión de Android limpa (comezando por Android 7.1.1), o que facilita as súas actualizacións de software frecuentes, así como por unha construción de calidade, unha configuración moi completa e algúns detalles diferenciadores dignos de mención, como serían que conta dobre dobra cámara traseira (cor + monocromo) de 13 Mpíxeles e cámara frontal de 13 Mpíxeles que poden funcionar simultaneamente a pantalla partida dende calquera aplicación no que Nokia bautizou como bothie (como alternativa ao selfie) e tamén o feito de que conte con OZO Audio (ou sexa, que capta son en espacial en 360 graos). Curiosamente o teléfono adopta un deseño que podería considerarse anticuado, por presentar unha aparencia na liña de, por exemplo, o Samsung Galaxy S7, en vez de apostar polo deseño sen marcos que impera actualmente.
O novo terminal funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 835, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), conta cunha pantalla IPS de 5,3 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, integra unha batería de 3.090 mAh con Quick Charge 3.0 que pode cargarse mediante USB-C, non esquece o porto de auriculares, inclúe lector de pegadas e NFC, é resistente a salpicaduras (IP54), o seu grosor é de 7,9 milímetros (agás a cámara, que sobresae 0,4 milímetros) e ten un peso de 160 gramos.
O Nokia 8 sairá á venda en setembro en catro cores distintas (azul pulido, cobre pulido, azul temperado e aceiro) a un prezo duns 599 euros, o que sitúan a este dispositivo nunha moi competida gama alta na que hai pouco espazo para novos xogadores.

PUBLICIDADE