O Nokia Lumia 920 podería cargar a súa batería sen fíos

luns, 3 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O Nokia Lumia 920 contará cun sistema de carga sen fíos según as imaxes filtradas

O vindeiro mércores está previsto que Microsoft e Nokia celebren un evento conxunto que presumiblemente serviría para presentar a nova familia de smartphones Lumia con Windows Phone 8, pero en Twitter parecen dispostos a deixarnos sen sorpresas e o usuario @evleaks está a filtrar imaxes que detallan os novos terminais, dando a entender detalles moi interesantes, que de confirmarse indicarían que Nokia ten unha dirección moi marcada no que a terminais con Windows Phone se refire.
Por unha banda temos que o terminal insignia da nova quenda de móbiles sería o Nokia Lumia 920, que funcionaría cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, pantalla de alta definición de 4,5 polgadas, cámara PureView de 8 Mpíxeles e outra de 1,3 Mpíxeles para videoconferencia 32 Gb de almacenamento interno e incluso un atractivo cargador de corrente sen fíos, de xeito que para cargar a batería do móbil chegaría con pousalo sobre o mesmo, o que resulta tan práctico como atractivo.

O Nokia Lumia 820 chegará en colores rechamantes, como é habitual na familia Lumia

A este móbil acompañaríao un máis cativo Nokia Lumia 820, que aínda que tomaría o relevo do Lumia 800 contará cunha pantalla de 4,3 polgadas; e incluso coméntase que de cara a colocar no mercado un terminal máis económico, tamén teremos un Lumia 610, con pantalla de 4 polgadas, que tería unhas prestacións moi inferiores, de xeito que conformaríase con operar con Windows Phone 7.8.
Nun par de días sairemos de dúbidas sobre estes interesantes produtos que poderían marcar a liña a seguir polos fabricantes que desexen dar unha oportunidade a Windows Phone, en vez de apostar en exclusiva a Android.

PUBLICIDADE