O Nubia N1 terá unha autonomía de até 3 días

luns, 4 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Este mes a marca premium de ZTE vai introducir en China un novo terminal que vai ser moi desexado, o Nubia N1, xa que falamos dun smartphone con pantalla Full HD de 5,5 polgadas que sorprendería pola súa batería de 5.000 mAh, que xunto coa tecnoloxía propietaria NeoPower podería chegar a unha autonomía de até 3 días segundo o seu fabricante.
O Nubia N1 está na liña de boa parte dos smartphones chineses de gama media que chegaron ao mercado nos últimos meses, cun corpo metálico en cor dourada ou prateada, procesador Mediatek Helo P10 de oito núcleos, 3 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe, cámara frontal de 13 Mpíxeles, dobre SIM, lector de pegadas dixitais e sistema operativo Android 6.0 coa capa de personalización Nubia UI 4.0.
Estamos ante un dispositivo cunhas boas prestacións, un acabado elegante e unha magnífica autonomía, que busca gañarse ao público co agresivo prezo de 1.699 iuans (229 euros), aínda que polo momento limita a súa distribución ao mercado chinés.

O Nubia N1 pode funcionar con dúas tarxetas nanoSIM ou unha tarxeta nanoSIM e outra microSD (de até 128 GB)

PUBLICIDADE