O OnePlus 7 e o OnePlus 7 Pro preséntanse oficialmente

martes, 14 de maio do 2019 Marcus Fernández

Os seareiros da marca OnePlus, moi apreciada polos que buscan unha boa experiencia con Android, recibiron a nova xeración de smartphones da compañía que en anos anteriores presumía de ofrecer a prezos asumibles terminais comparables cos buques insignia dos principais fabricantes, pero desta volta optou por subir o listón dos prezos, de xeito que pasamos dos 549-629 euros do OnePlus 6T aos 559-829 euros dos novos modelos.

OnePlus 7 Pro

O esperado OnePlus 7 Pro chega con carcasas en cor gris, azul ou améndoa e cunha impresionante pantalla AMOLED de 6,67 polgadas con resolución QHD+ que consegue unhas animacións moi fluídas grazas a que opera a 90 Hz. Tamén integra lector de pegadas dixitais en pantalla e notificacións luminosas nos bordes das mesmas (características ás que nos teñen afeitos dende Samsung), mentres que na parte traseira atopamos unha cámara de tres obxectivos (un sensor principal de 48 Mpíxeles, un grande angular de 16 Mpíxeles e un teleobxectivo 3x de 8 Mpíxeles) que sorprende ao conseguir unha puntuación en DxOMark de 111, ou sexa, quedando só por debaixo do Huawei P30 Pro e do Samsung Galaxy S10 5G. Sería a primeira vez na que OnePlus consegue que un dos seus móbiles poida ser un referente no apartado fotográfico.
No que se refire á cámara frontal, o teléfono aposta por un sensor de 16 Mpíxeles agochado nun mecanismo retráctil, o que permite que o dispositivo goce dun deseño todo pantalla en pestana superior nin orificios para agochar a cámara, dándolle un toque claramente diferencial fronte ao resto de terminais da mesma categoría. Neste apartado non consegue situarse tan ben como na cámara frontal, pero o feito de que segundo DxOMark estea por diante do iPhone Xs Max é un bo reclamo para moitos compradores.
O OnePlus 7 Pro funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 855 e até 12 GB de RAM, o que, xunto a unha batería de 4.000 mAh fai que esteamos ante un teléfono que pese a ter unha grande potencia, non terá problemas en aguantar toda a xornada. E para redondear o produto OnePlus promete que recibirá actualizacións de software regulares durante 2 anos e parches de seguridade durante 3 anos.
Como denota a súa velocidade de refresco de pantalla, este smartphone están deseñado en boa medida pensando nos xogadores, de aí a súa boa autonomía, o seu mecanismo de carga rápida e o seu sistema de refrixeración líquida de 10 capas, que xunto cuns altofalantes estéreo e un motor de vibración háptica conseguen unha experiencia móbil moi completa. Pero estas grandes especificacións teñen un prezo, e a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custará 709 euros, mentres que con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custará 759 euros e, finalmente, con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento venderase a 829 euros, prezos bastante competitivos, pero moi afastados do habitual nesta marca, que até o momento competía con terminais como o Pocophone F1 (que podemos atopar pro 329-399 euros fóra de oferta) e agora parece ter botado o ollo á gama alta de Samsung.

OnePlus 7

Para non deixar atendido ao público que busca un terminal máis accesible economicamente presentaron tamén o OnePlus 7, un móbil menos rechamante, que aínda que tamén funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 855, a súa configuración máxima de RAM chega aos 8 GB e a súa pantalla Optic AMOLED de 6,41 polgadas, pese a contar con lector de pegadas dixitais, si conta cunha pestana superior con forma de V para deixar espazo á unha cámara frontal de 16 Mpíxeles. A cámara traseira confórmase con 2 obxectivos (un principal de 48 Mpíxeles e outro secundario de 5 Mpíxeles), quedando moi lonxe da excelencia do seu irmán maior.
En batería tamén cae até os 3.700 mAh, pero, por fortuna, estas concesións afectan considerablemente ao prezo, e a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento venderase a 559 euros, mentres que con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custará 609 euros, de xeito que estarían moi preto dos prezos do OnePlus 6T.

PUBLICIDADE