O OnePlus 8T pode cargar a súa batería en 39 minutos

mércores, 14 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Dende OnePlus veñen de renovar o seu catálogo incorporando un novo smartphone e uns auriculares sen fíos que apostan unha vez máis por unha grande relación calidade prezo. No caso do OnePlus 8T temos un teléfono 5G que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 865, 8/12 G de RAM LPDDR4X, 128/256 GB de almacenamento interno UFS 3.1, pantalla Full HD+ de 6,55 polgadas Fluid AMOLED de 120 Hz, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles nunha perforación en pantalla, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.1, NFC, lector de impresións dixitais en pantalla e, como característica máis salientable, unha batería de 4.500 mAh con Warp Charge 65, de xeito que pode cargarse completamente en só 39 minutos, presumindo de conseguir batería para todo un día en só 15 minutos de carga.
Este auténtico móbil insignia de OnePlus ten un prezo de 599 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custa 699 euros, converténdose nun móbil que combina bastante ben as últimas tendencias de mercado (pantalla de alto refresco, 5G e carga rápida) cun prezo contido dentro do que é habitual na alta gama de primeiros fabricantes.

Auriculares sen fíos económicos

Moito máis asumibles son os auriculares OnePlus Buds Z, que presumen de baixos potenciados, autonomía para até 20 horas de uso (podendo conseguir 3 horas de autonomía con só 10 minutos de carga), resistencia á auga e á suor (con certificación IP55) e unha conexión sinxela (conta con tecnoloxía de emparellamento rápido) cun prezo de 59 euros, o que fai que esteamos ante un produto moi atractivo.
Estes auriculares con Bluetooth 5.0 pesan só 4,35 gramos cada auricular (con até 5 horas de autonomía para a reprodución de música), contrólanse mediante sinxelos toques e tamén permiten invocar ao asistente de Google cun par de toques.

Os auriculares OnePlus Buds Z teñen un prezo de 59 euros

PUBLICIDADE