O Oppo F3 Plus sorprende ao incorporar dobre cámara frontal

xoves, 23 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Un dos meirandes fabricantes de smartphones do mercado chinés (que tamén distribúe os seus produtos oficialmente en Europa), Oppo, vén de presentar o seu novo teléfono orientado claramente aos amantes dos selfies, o Oppo F3 Plus, que sorprende por vir equipado con dobre cámara frontal: unha de 16 Mpíxeles para autorretratos individuais e outra de 8 Mpíxeles e un angular de 120 graos para fotografías de grupo. A cámara traseira tamén é igualmente notable, xa que estamos ante un sensor IMX398 de Sony de 16 Mpíxeles cunha apertura f/1.7, cun sistema de enfoque dual PDAF e flash de dobre ton, conseguindo así unhas magníficas instantáneas incluso con pouca luz e sendo capaz tamén de gravar vídeo en ultra alta definición.
O Oppo F3 Plus funciona cun procesador Qualcomm 653 de 8 núcleos con gráfica Adreno 510, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), pantalla Full HD IPS de 6 polgadas cun marco de só 1,78 milímetros, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, dobre SIM, lector frontal de pegadas dixitais, batería de 4.000 mAh con carga rápida, sistema operativo ColorOS 3.0 (baseado en Android 6.0), un grosor de 7,35 milímetros e un peso de 185 gramos.
Este impresionante teléfono sairá á venda o vindeiro día 31 e o seu prezo na India será de 30.990 rupias (440 euros).

O Oppo F3 Plus ten unha ampla pantalla de 6 polgadas

PUBLICIDADE