O Oppo Find 5 marca o tope de gama de Android dende China

mércores, 12 de decembro do 2012 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo está a conseguir cada vez máis relevancia, e para continuar a súa aposta por dominar a alta gama dos móbiles con Android no mercado asiático estrea agora o Find 5, impresionante smartphone cunha pantalla de 5 polgadas Full HD (o que supón unha densidade de píxeles de 441 dpi superando sobradamente os 326 dpi do iPhone 5), que non só pode presumir dunha das mellores pantallas do mercado, senón que tamén inclúe un procesador Snapdragon S4 Pro APQ8064 de 4 núcleos a 1,5 GHz e 2 Gb de RAM, de xeito que vai sobrado en potencia.
A nivel de cámaras tampouco queda curto o Oppo Find 5, xa que a súa cámara traseira de 13 Mpíxeles inclúe HDR por hardware tanto para fotografías como para vídeo e incluso pode capturar vídeo en cámara lenta a 120 cadros por segundo; a cámara frontal cos seus 1,9 Mpíxeles tamén pode superar a funcionalidade básica da videoconferencia e resultar práctica para disparar auto-fotos.
Completan o terminal 16 Gb de almacenamento interno, unha batería de 2.510 mAh, tecnoloxía NFC, Wi-Fi Direct, DLNA, Android 4.1.2 e auriculares. Mide 141,8 x 68,8 x 8,86 milímetros e pesa 165 gramos (algo normal para un dispositivo de tal tamaño). Venderase a primeiros de 2013 en varios mercados aínda non concretados, sendo o seu prezo en China de 2.998 iuans (367,69 euros), o que resulta extraordinariamente competitivo se temos en conta que está por debaixo de dispositivos moi inferiores en prestacións.

O Oppo Find 5 destaca pola súa pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles

PUBLICIDADE