O Oppo U3 contará con dobre SIM e pantalla de 5,9 polgadas

mércores, 21 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo continúa a mellorar o seu catálogo de produtos de coidado deseño, apostando polos smartphones de grande tamaño como o Oppo U3, un novo tabletófono con pantalla IPS Full HD de 5,9 polgadas, que goza de conectividade LTE (espazos para unha tarxetas microSIM e outra nanoSIM), procesador MediaTek de 64 bits a 1,7 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria de até 128 GB, cámaras traseira Sony Exmor RS IMX213 de 13 Mpíxeles e 5 Mpíxeles, batería de 3.100 mAh, un grosor de 8 milímetros e un peso de 195 gramos. Funciona con ColorOS 2.0.1 (basaeado en Android 4.4) e tamén presume dun son de grande calidade (por contar cun procesador de son AK4961).
Oppo continúa coa súa última tendencia de incorporar un patrón de diamantes na súa parte traseira, que neste caso é de policarbonato (mentres que o Oppo R1C optaba polo cristal de zafiro) e tamén integra o sistema de carga rápida VOOC, que é unha das características máis demandadas polos usuarios, especialmente en dispositivos con baterías de grande capacidade.
O seu prezo de venda en China será de 2.798 iuans (388,96 euros), aínda que teremos que agardar uns meses para velos na tenda europea da compañía.

O Oppo U3 chegan cun tamaño de pantalla de 5,9 polgadas
O novo smartphone de Oppo promete unha boa calidade sonora grazas a un procesador dedicado

PUBLICIDADE