O Palm Pre 2 funcionará con webOS 2.0

martes, 19 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Tras a compra de Palm por parte de HP parecía que esta compañía quedaría conxelada para limitarse ao desenvolvemento do sistema operativo webOS para dispositivos coma impresoras e tablets, polo que casa podería considerarse unha sorpresa que anuncien o lanzamento do móbil Palm Pre 2, que esta mesma semana chega ao mercado francés (sen dar datas para España), e que terá pantalla multi-táctil de 3,1 polgadas, teclado deslizante, cámara de 5 Mpíxeles con flash LED, 16 Gb de almacenamento, GPS, un peso de 145 gramos e webOS 2.0, polo que estamos ante unha interesante renovación dun terminal moi completo que tivo dificultades para facerse un espazo nun sector cada vez máis polarizado entre os sistemas operativos iOS e Android.
O webOS 2.0 demostra que esta plataforma ten moito potencial, e nesta entrega presenta características como a multitarefa (agrupando programas semellantes en Stacks, para facer intuitivo e sinxelo o manexo desta funcionalidade), a escritura Just Type (podemos comezar a escribir un texto antes de decidir se o remitiremos coma SMS, correo electrónico ou actualización de Facebook), HP Synergy (que integra a nosa identificación con servizos coma Facebook e Google no sistema operativo), soporte de Flash Player 10.1 Beta, soporte para teclados Bluetooth e numerosas aplicacións coma Skype Mobile, QuickOffice ou o xogo Angry Birds.

PUBLICIDADE