O Parlamento Europeo ratifica a universalización dos sistemas de carga para móbiles

martes, 4 de outubro do 2022 Marcus Fernández

No mes de xuño o Parlamento Europeo chegou a un acordo provisorio para que no outono de 2024 sexa obrigatorio que os móbiles, tabletas e cámaras que se venda na Unión Europa poida cargarse mediante conectores USB-C, e finalmente ratifícase a nova lexislación con 602 votos a favor, 13 en contra e 8 abstencións, de xeito que se harmonizan os cargadores dos dispositivos electrónicos para finais de 2024 e incluso engaden que na primavera de 2026 a medida se estenda tamén a ordenadores portátiles.
Encargouse do relatorio desta novidade Alex Agius Saliba (Malta), quen asegurou que «o cargador único será por fin unha realidade en Europa. Agardamos máis de 10 anos para esta lei, pero a plétora de cargadores actuais será pronto cousa do pasado. A normativa permite o desenvolvemento de solucións de carga innovadoras e beneficiará a todos, dende os consumidores, fartos de cambiar de cargador, ao medio ambiente».
O Consello deberá agora aprobar formalmente a Directiva antes da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea, entrando en vigor 20 días despois da súa publicación e dando 12 meses aos Estados membros para reflectir as novas normas en cadansúa lexislación, e outros 12 meses para comezar a aplicalas.
Resulta bastante ridículo que a o Parlamento Europeo tivese que chegar a este punto, xa que nos últimos anos a harmonización de cargadores realizouse de xeito natural e, na práctica, basicamente só quedaba un fabricante que non daba o brazo a torcer (Apple), polo que, aínda que as declaracións realizadas no Parlamento Europea fosen xenéricas, realmente o único smartphone que quedaba no mercado sen carga por USB-C era o iPhone, e incluso boa parte do catálogo de Apple migrou a USB-C nos últimos anos. Que Apple esperase a que o cambio sexa imposto, cando son os principais desenvolvedores do estándar USB tipo C, é unha política moi difícil de xustificar, e que haxa que lexislar para que certas empresas teñan un comportamento cívico só destaca o pouco de fiar que son estas compañías e o falsas que son as súas mensaxes promocionais na defensa do medio ambiente.

PUBLICIDADE