O Pazo de Mariñán acolle o 17 unha xornada sobre o potencial dos dispositivos para localizarmos clientes

venres, 11 de xullo do 2014 Redacción

O vindeiro xoves, 17 de xullo, o Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) vai dar acubillo a unha xornada dirixida a amosarnos recursos útiles e rendíbeis para tirarlle partido aos dispositivos no proceso de facermos mercado. A cita Como captar clientes con tecnoloxía móbil, segundo sinalan máis en detalle os seus organizadores (a Factoría de Innovación da Coruña), ten por finalidade “dar a coñecer diferentes solucións tecnolóxicas que poden contribuír ao crecemento dos negocios e á ampliación da carteira de clientes”. O evento, que é de balde, dará comezo arredor das 12.00 horas.
Os profesionais interesados en acudir deberán realizar a súa inscrición a través da páxina web da Factoría da Innovación ou enviando un correo electrónico a fdi_acoruna@eoi.es.
O programa inclúe unha exposición de aplicacións móbiles específicas para procurar contactos e usuarios, a cargo de Mónica Citores, consultora da Factoría de Innovación da Coruña. A continuación, arredor das 12.30 horas, será a quenda de Carlos Suero, responsábel de Publipan, quer falará do potencial de uso das pantallas táctiles na intelixencia do noso negocio. O seguinte relatorio está previsto para as 13.15 horas, e correrá a cargo de Jacobo Penide, responsábel de Telecon Galicia, que falará de tecnoloxías propias do concepto de Cidade Intelixente. O evento rematará sobre as 13.45, coa celebración dunha mesa redonda na que participarán Carlos Suero, David Barajas (Esgalla), David Bello (Veintisie7e Multimedia) e Jacobo Penide.

PUBLICIDADE