O Plan Transformatic botará a andar a finais de ano

xoves, 24 de outubro do 2013 Redacción

No marco da inauguración da XI edición do Congreso GaliciaTIC, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, adiantou a posta en marcha a finais deste ano do Plan Transformatic, que aliñará as diferentes iniciativas de apoio ao sector tecnolóxico que se están a desenvolver desde a Administración autonómica, unindo a todos os departamentos implicados nunha mesa dirección. O Plan buscará tamén a colaboración de todos os axentes do sector para unir esforzos, aliñar obxectivos e favorecer o seu crecemento.
Un obxectivo que, segundo destacou Mar Pereira, cobra especial relevancia neste momento, no que Galicia está a definir a súa estratexia de Especialización Intelixente RIS3, condición indispensable para acceder ao fondos de I+D+i e TIC na programación orzamentaria da Unión Europea 2014-2020.
Pereira recoñeceu o esforzo dos empresario do sector en buscar novos mercados e na aposta pola innovación, destacando que nos últimos tres anos un 30,5% das empresas tecnolóxicas galegas desenvolveu actividades de I+D+i, un incremento superior ao 15% respecto do período anterior. Destas empresas, sinalou, un 71,3% obtivo produtos comercializables.
A directora da AMTEGA afirmou que un dos grandes retos do sector TIC galego é a internacionalización. Así o pon de manifesto que máis do 82% do volume de negocio das empresas TIC en Galicia corresponde a clientes galegos, preto do 14% ao resto de España e só un 2,9% a clientes europeos.
Tendo en conta que o sector tecnolóxico galego está composto en máis dun 94% por microempresas, as alianzas para crecer e poder atopar novos mercados como a alternativa fundamental para chegar a mercados do exterior. A responsable autonómica dixo que desde a Administración galega se quere avalar e impulsar o esforzo que está a facer o sector con iniciativas como o Transformatic e outras xa en marcha como o Pacto polo desenvolvemento dixital de Galicia.

PUBLICIDADE