O Poco F1 de Xiaomi chegará a España a un prezo que parte dos 299 euros

luns, 27 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada Xiaomi anunciou a súa nova marca de teléfonos móbiles, Poco, que co Poco F1 ameazaba con competir cos principais smartphones de gama alta do mercado, e hoxe a compañía chinesa confirmou que o smartphone comercializarase oficialmente en España, concretamente a partires das 13:00 horas do vindeiro xoves, partindo dun prezo de 329 euros, que poden reducirse mediante un cupón de 30 euros de desconto (só válido para a compra a través de AliExpress), ou sexa, que quedaría en 299 euros, prezo co que este terminal non tería rival.
O Poco F1 venderase oficialmente a un prezo de 329 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, mentres que o modelo con 128 GB de capacidade custará 399 euros e, aparte de en AliExpress, tamén estará dispoñible a través dos puntos de distribución habituais de Xiaomi (Amazon, Carrefour, El Corte Inglés, Phone House, Media Markt, PC Componentes e Worten). Os modelos con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno aínda non teñen data de chegada a Europa.
Lembremos que o Poco F1 é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, pantalla Full HD+ de 6,18 polgadas con pestana superior, cámara traseira dual de 12 + 5 Mpíxeles, cámara frontal de 20 Mpíxeles, lector traseiro de pegadas dixitais, e batería de 4.000 mAh con carga rápida por USB-C, ou sexa, un digno competidor do OnePlus 6, que nunha configuración equivalente (coa grande diferenza de contar con NFC) custaría 519 euros, deixando claro que a nova aposta de Xiaomi é sumamente agresiva.

PUBLICIDADE