O Poco F4 GT preséntase como un grande móbil para xogar

martes, 26 de abril do 2022 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe o Poco F4 GT, o smartphone máis potente da familia Poco, que claramente busca atraer aos seareiros aos videoxogos que queren dispositivos de grande potencia a un prezo axustado, aínda que nesta ocasión as elevadas prestacións fan que o smartphone non poida ter un prezo tan baixo como desexarían os seareiros da marca.
O Poco F4 GT é un potente móbil que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1, 8/12 GB de RAM LPDDR5, 128/256 GB de almacenamento interno UFS 3.1, pantalla Full HD+ AMOLED de 6,67 polgadas cunha velocidade de refresco de até 120 Hz, catro altofalantes, certificación de audio Hi-Res, Wi-Fi 6E, Bluetooth 5.2, NFC, lector de impresións dixitais lateral e batería de 4.700 mAh con carga rápida de 120 watts (o que permite unha carga completa en só 17 minutos), que non queda atrás na súa configuración de cámaras: unha cámara frontal de 20 Mpíxeles e unha cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles. Integra refrixeración LiquidCool 3.0, elemento moi interesante para os xogadores intensivos, para o que o móbil tamén integra un sistema de gatillos gaming retráctiles (facilitando así un agarre semellante ao dun gamepad). Tamén podemos destacar que o seu cable de carga de 1,5 metros ten forma de L, de xeito que non estorba ao xogar co móbil mentres se carga a súa batería.
A versión do Poco F4 GT con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento véndese a 499,99 euros (incluíndo un desconto de lanzamento de 100 euros), mentres que o modelo con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custa 100 euros máis.

O Poco F4 GT suma prestacións de alta gama a un prezo contido

Vídeo do evento no que se presentou o Poco F4 GT

PUBLICIDADE