O Polo Aeroespacial adxudicou por 12,75 millóns o proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo

mércores, 19 de xaneiro do 2022 S. P.

A Xunta, a través do conselleiro de Economía, Francisco Conde, presentou este martes 18 de xaneiro os detalles dun dos grandes fitos do Polo Aeroespacial 2025: a adxudicación por 12,77 millóns do proxecto de simulación avanzada de xestión do tráfico aéreo. Indra e Boeing serán as compañías encargadas de crear esta infraestrutura que mellore, rendibilice e achegue operatividade e seguridade no espazo aéreo compartido por vehículos aéreos tripulados e non tripulados. O proxecto enmárcase na Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, que conta con investimentos xa comprometidos por valor de 70 millóns de euros.
Estes datos foron achegados polo vicepresidente económico, Francisco Conde, no transcurso dun encontro co director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), Javier Ponce. Na reunión abordouse a adxudicación por 12,75 millóns de euros do proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space que se desenvolverá no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), cumprindo así un dos primeiros fitos marcados para o novo marco de actuacións 2021-2025 do Polo Aeroespacial de Galicia.
O proxecto, cuxa licitación foi lanzada polo CDTI o pasado mes de agosto, foi adxudicado a Indra e Boeing, que serán as compañías encargadas de crear unha infraestrutura de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo en operacións nas que interveñen tanto vehículos aéreos non tripulados como tripulados.
Estas compañías, que xa actualmente son socios industriais da Xunta no Polo Aeroespacial, prestarán servizos de I+D para o desenvolvemento de solucións innovadoras, coa previsión de que en 16 meses, cara a mediados de 2023, o CIAR disporá dunha infraestrutura pioneira que consolide o Polo Aeroespacial de Galicia na vangarda do desenvolvemento de tecnoloxías e servizos vinculados cos vehículos aéreos non tripulados.
“Este equipamento”, sinalou Conde, “converterá o CIAR nunha infraestrutura de soporte para o desenvolvemento de tecnoloxía e regulamentación, contribuíndo a ampliar o mercado de usos civís destes vehículos e acelerar a xeración de actividade económica e industrial deste sector”.


PUBLICIDADE