O Qualcomm Snapdragon 768G 5G estrearase nun móbil Redmi

luns, 11 de maio do 2020 Marcus Fernández

Qualcomm sorprendeu nas últimas horas ao ir da man de Xiaomi para presentar a súa nova plataforma móbil, xa que o Snapdragon 768G 5G estrearase no Redmi K30 5G Racing Edition, un móbil 5G de Xiaomi con cámara traseira cuádrupla con sensor principal de 64 Mpíxeles e unha cámara frontal dobre, que poderá ter unha boa acollida por ser un dos smartphones 5G máis económicos do mercado (custará 1.999 iuans, ou sexa, uns 261 euros ao cambio).
O procesador Qualcomm Snapdragon 768 5G incrementa a súa velocidade de reloxo fronte ao Qualcomm 765G no que se basea, mellorando preto dun 15% o seu rendemento (tanto en procesador como en gráfica). Integra o modem-RF Snapdragon X52, con soporte para todas as bandas de frecuencia e velocidades de descarga de até 5,7 Gbps, así como tamén soporta pantallas a 120 Hz (como a equipada polo Redmi K30 5G Racing Edition) e cámaras de até 192 Mpíxeles, polo que temos aquí unha plataforma móbil con moito potencial, que contribuirá a facer máis accesible a 5G a nivel global.

PUBLICIDADE