O Realme 5 Pro pode mercarse en España por a partires de 199 euros

venres, 18 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O desembarco europeo da marca Realme está a ser bastante rotundo, e os seus novos terminais comezan a estar dispoñibles, de xeito que xa podemos adquirir o Realme 5 Pro con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 199 euros, ou a versión con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 249 euros; lanzamento que como consecuencia ten que o tamén bastante competente Realme 3 Pro reduza o prezo do modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento a 179 euros, mentres que o de 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento baixe até os 229 euros.
O Realme 5 Pro non só chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 712, carcasa cun deseño de cristal en cor holográfica nanométrica, e batería de 4.035 mAh con carga rápida 3.0, que destaca por apostar pola súa cámara traseira con catro obxectivos: un sensor principal Sony IMX 586 de 48 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles, unha cámara para retratos de 2 Mpíxeles e unha cámara de macros de 2 Mpíxeles. Pode tomar fotografías nocturnas con moi pouca iluminación grazas ao seu motor multifotograma e ao HDR, inclúe un sistema de filtros para conseguir fermosos retratos, pode plasmar obxectos a só 4 centímetros de distancia, grava vídeo en 4K a 30 imaxes por segundo e a súa cámara lenta a 720p pode rexistrar até 960 imaxes por segundo. A súa pantalla Full HD+ de 6,3 polgadas conta cunha pestana superior central na que agocha unha cámara frontal de 16 Mpíxeles.
Estamos no que probablemente é o smartphone máis completo no mercado español neste rango de prezo, que como principal atranco para os consumidores ten que só está dispoñible para a súa compra en liña.

PUBLICIDADE